O Presidente, Darío Campos Conde, presentou este martes na Capela de Santa María da Deputación xunto a Deputada da Área de Cultura, Deseño e Artesanía Pilar García Porto, a Concelleira de Cultura carmen Basadre, os autores da obra Fina Fernández e Vicente Ansola, Antón Corral; o editor Pablo Quintana e o gaiteiro Carlos Núñezo o libro-CD Antón Corral. A alborada dun soño.
Campos Conde subliñou que “é unha honra que esta sala de exposicións da Deputación sexa o escenario da presentación na provincia de Lugo desta obra sobre a vida dun fiel defensor da artesanía e tradición galega. Antón Corral é unha figura clave na historia musical de Galicia, pois trátase dun dos mestres dun dos instrumentos máis importantes na música tradicional galega: a gaita”.
“Este Goberno da Deputación aposta por continuar con este traballo en prol da conservación, divulgación e promoción do noso patrimonio cultural. Por este motivo, non dubidamos en colaborar coa divulgación deste libro-CD. Continuaremos con máis e novas colaboracións e traballos en impulso da artesanía e da tradición musical, pois contamos, ademais, con profesionais e medios punteiros para facelo. Por exemplo, o CENTRAD acolle unha colección punteira de Instrumentos Musicais, con réplicas do Pórtico da Gloria, que xa estiveron presenten en concertos do artista internacional que hoxe nos acompaña, Carlos Núñez. Neste intre, estamos a desenvolver un proxecto de documentación sobre investigacións das zanfonas históricas de Galicia e instrumentos medievais co obxectivo de poñelo a disposición dos artesáns”.
Antón Corral. A alborada dun soño
Este libro-CD reflicte con detalle a vida de Antón Corral, dende o seu nacemento na Coruña (uns días antes do inicio da Guerra Civil) ata a recepción do premio Martín Códax (entregado en 2016 pola asociación Músicos Ao Vivo), e no que se describe ao detalle o seu paso polos distintos obradoiros de Lugo, Ortigueira, Vigo e Tui, nos que levou adiante un importante traballo de construción e divulgación da música e dos instrumentos tradicionais populares galegos. Como complemento, a obra leva dous CD de agasallo cos 26 temas gravados en Lisboa, no ano 1987, polo grupo didáctico da Universidade Popular de Vigo, que formaban parte do álbum Instrumentos musicais populares galegos, ademais dunha versión inédita e orixinal para Septimino de gaitas, gardada por Antón Corral no seu arquivo.
Xan 25, 2017 - 10:33 PM
O libro está publicado por Editorial Canela.