Os actos de homenaxe a Xela Arias, sarriá á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, arrancaron no día de onte na Casa da Cultura de Sarria; neste acto participaron, entre outras autoridades, Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o Presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes, e por parte do Concello de Sarria, o Alcalde, Claudio Garrido e a Concelleira de Cultura, Reyes Abella. Asemade, da familia Arias-Castaño acudiron a nai de Xela, Amparo Castaño; o fillo da homenaxeada, Darío Gil Arias, os irmáns de Xela, Marcos e Lois, e outros familiares.
Valentín García, en representación da entidade patrocinadora desta exposición itinerante, congratulouse de que o Día das Letras deste ano se dedique a unha rapaza rompedora, que abriu camiños na escrita e na impulsión do papel da muller, e reafirmou a decisión da Xunta de implicarse decididamente nas actividades que se van desenvolver. E o Presidente da Real Academia Galega fixo fincapé na figura de Xela, coa que traballou, o seu papel na edición e na escrita e na vixencia das súas mensaxes.
No nome da familia, interveu Darío Gil Arias, fillo de Xela, nunha emocionada intervención na que agradeceu a homenaxe das Letras Galegas á súa nai, e puxo de relevo a actualidade do seu pensamento e da súa poesía.
Exposición “Aquela nena de Sarria”
Con este título, o Colectivo Egeria preparou unha exposición de 12 paneis nos que se abordan especialmente os anos sarriáns e lucenses de Xela Arias, con incidencia especial no tempo da Granxa-Escola de Barreiros (fundada polo financeiro Antonio Fernández), da que o pai de Xela -Valentín Arias López, destacado intelectual- era director, residindo tamén a familia na vivenda existente na escola.
Esta primeira homenaxe rematou no salón de actos da Casa da Cultura, onde leron cadanseu poema de Xela o seu sobriño e as poetas sarriás Sonia Arias e Elena López González, participantes na homenaxe poética da exposición. E o escritor e músico de Sarria, Eloi Caldeiro, tamén participante na exposición, cantou con acompañamento de dous músicos tres poemas de Xela aos que puxo música e que formarán parte do disco que con letras da autora vai publicar con motivo da homenaxe de Galicia á creadora sarriá.