Preto de 13.000 persoas foron atendidas o ano pasado polos servizos sociais do Concello

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, deu conta este venres no Consello Local de Servizos Sociais, das actuacións levadas a cabo dende a súa área ao longo do pasado ano. Abelleira avanzou “que dende os servizos sociais comunitarios do Concello se atenderon a preto de 13.000 persoas. A maioría das persoas usuarias son mulleres, un 66%, máis de 8.500”.

Neste senso a Concelleira anunciou que se detecta que a demanda dos servizos sociais se está a estabilizar, pois hai menor número de expedientes novos, se ben estase a voltar crónica a situación destas familias. “O Goberno local vai seguir traballando para que os nosos veciños e veciñas teñan os servizos básicos cubertos”, asegurou González Abelleira.

A edil fixo un repaso das atencións por diferentes eidos. Así, o servizo de atención de persoas inmigrantes, atendeu no 2015 a máis de 2.600 inmigrantes, cuxas demandas tiñan relación coa insuficiencia de recursos, o emprego, a vivenda ou a saúde. No que se refire ao Fogar do Transeúnte, máis de 3.600 persoas pasaron a noite nestas instalacións que ofrecen, de xeito gratuíto, aloxamento e alimentación a persoas en desvantaxe social, ofrecendo máis de 9.000 xantares e máis de 7.600 ceas.

Os servizos sociais do Concello tamén tramitaron un total de 1.357 emerxencias sociais municipais, que supuxeron un gasto de máis de 200.000 euros. Preto dun 72% dos usuarios de emerxencia social son mulleres. Máis do 60% do gasto total está relacionado co aluguer, seguidos dos gastos dedicados ao mantemento das vivendas –auga ou gas-, gastos de alimentación e médicos, así como gastos de comedores. Este tipo de accións serven para axudar en momentos puntuais a familias ou persoas que precisan cubrir algunha das súas necesidades básicas e non teñan posibilidades económicas.

Polo que respecta ao servizo de axuda no fogar, foron preto de 450 os usuarios, investindo o Concello neste servizo máis de 1 millón de euros.

Sobre os centros de día municipais, González Abelleira deu conta das 128 prazas que ofrece o Concello. Neste senso, a edil destacou o investimento de preto de 600.000 euros para mantemento destas prazas para as persoas maiores que o precisan.

A Concelleira tamén tamén falou sobre o programa de Xantar no Fogar, que repartiu máis 17.700 menús ao longo do ano pasado, para o que foi necesario un investimento de máis de 74.000 euros. Este servizo tivo un total de 83 usuarios que pagaron ata un máximo de 4,50 euros polo menú completo que leva almorzo, xantar e cea.

No que se refire ao plan de desenvolvemento xitano, González Abelleira lembrou a poboación de etnia xitana que reside no municipio, unhas 220 familias, máis de 870 persoas. Destas, 77 persoas, que forman 17 unidades familiares, residen no denominado poboado xitano no Carqueixo. A edil quixo destacar que actualmente o 100% dos menores destas familias están escolarizados.

No Consello de Servizos Sociais, a Concelleira tamén deu conta das subvencións ao financiamento do aluguer de vivendas, por importe de preto de 300.000 euros, así como das subvencións a asociacións, ONG´s, ou taxi adaptado, para as que o Concello en total destinou máis de 338.000 euros no 2015.

Durante a sesión do Consello de Servizos Sociais, a edil deu a coñecer que “as liñas de servizos sociais para o 2016 consisten en manter o anteriormente exposto e incrementar a inversión en políticas de benestar social por riba doutro tipo de inversións, evitando a cronificación da situación de vulneración das persoas que acoden aos servizos sociais do Concello”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com