Preto de 2.000 nenas e nenos da provincia menores de 5 anos recibiron xa as dúas doses da vacina da gripe nos tres hospitais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, aportou os datos rexistrados ata o pasado venres durante a visita ao punto de vacinación no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), onde se está a completar o proceso de administración de vacinas. Neste sentido, sinalou que a cifra dos que contan polo menos cunha dose na provincia ascende a 3.873 nenos e nenas. Deste xeito, a taxa de cobertura acumulada desde o inicio da campaña é do 49,8%.
A Consellería de Sanidade incluíu este ano no calendario de vacinación infantil a opción da vacina antigripal tetravalente para os menores de entre 6 e 59 meses, para “achegar tranquilidade ás familias ante a preocupación polo aumento das enfermidades respiratorias entre os nenos e nenas”, segundo indicou Arias. Trátase dunha medida pioneira entre as comunidades autónomas coa que se pretende evitar a transmisión desta doenza entre a poboación, xa que está demostrado que os menores constitúen o principal motor de transmisión da gripe.