O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, acompañado do Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou a diferentes representantes de 17 turoperadoras de España (Madrid, Barcelona, Andalucía, Mallorca, Canarias, Castela e León e Asturias) e do norte de Portugal, a contorna e a beleza paisaxística, patrimonial e natural da Ribeira Sacra, co fin de que estas axencias ofrezan paquetes turísticos desta zona da provincia de Lugo, fóra de Galicia.
A xornada comezou cun percorrido gratuíto en catamarán desde Doade, no que os turoperadores coñeceron unha paisaxe repleta de parras da Denominación de Orixe, cultivadas en pendentes de gran nivel “a viticultura heroica”. A continuación, os representantes das axencias visitaron o Mosteiro das Bernadas, no Concello de Pantón, degustaron os viños da denominación de orixe na adega Regina Viarium en Amandi, e coñeceron, a través dunha comida na Adega Aldeira, a gran variedade de produtos da provincia, caracterizados pola súa alta calidade gastronómica. O percorrido finalizou coa visita ás instalacións e piscinas do Hotel Balneario Auga Santas.
Esta visita está enmarcada dentro do 1º Plan Estratéxico Provincial de Turismo, presentado no Termatalia 2017, que ten lugar esta fin de semana en EXPOURENSE, que busca fomentar o intercambio de experiencias entre continentes e impulsar o mercado estratéxico do Turismo.
O Deputado de Turismo lembrou que con este Plan Estratéxico Provincial de Turismo desenvolveranse un total de 71 actuacións concretas, coas que se busca impulsar o crecemento e a transformación do sector turístico na provincia, na procura dun modelo máis competitivo e rendible.
Participación en Termatalia 2017
O Executivo Provincial participou esta semana no Termatalia 2017, cunha caseta no que se ofreceu información sobre o LugoTermal, os 67 concellos da provincia, os 4 geo destinos turísticos (Lugo-Terra Chá, A Mariña, Ribeira Sacra, e Ancares-Courel), así como rutas de sendeirismo e viaxes en catamarán. Ademais, tamén estiveron expostos diferentes produtos típicos da provincia, como queixos ou viños da Ribeira Sacra, para promocionar e dar a coñecer a gastronomía local coa que conta a provincia.