Preto de 30 actividades entre música, teatro e cine conforman a nova edición do Cultura Aberta da Deputación, a programación de actividades lúdicas e culturais que ofrece o organismo provincial dende o 5 de xullo ao 5 de agosto.
Todos os actos serán de balde e abertos a todos os públicos e celebraranse na explanada do INLUDES, ao carón de Santa María. A programación iníciase este martes coa proxección da longametraxe Pelerinaxes, pero tamén destacan outras actividades como a proxección do documental sobre o accidente do Alvia ‘Frankesten 04155’ o martes da semana que vén ou a actuación da cantante Uxía, que presentará o seu traballo ‘Canta o Cuco’ o mércores que vén.
A deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto subliñou que “a través do Cultura Aberta, ofrecemos preto de 30 actividades que poñen en valor a cultura e a identidade propia dos galegos. Dende a Deputación somos conscientes da necesidade de establecer a cultura como un recurso económico na provincia, sobre todo, nos tempos de crise que vivimos”.
Neste senso, a deputada manifestou o “total compromiso do organismo provincial xa non só encolaborar con iniciativas coma esta, senón a desenvolver iniciativas desta natureza, que crean valor engadido para a nosa provincia pero tamén para o país”.