Primeira derrota do Lugo na tempada

O partido de hoxe enfrontaba a dous conxuntos en dinámica crecente. Durante os primeiros minutos os locais buscaban impoñer o seu ritmo de circulación e o seu dominio sobre a posesión. Co control da súa parte, os de Luís César mandaban nun partido no que o Xetafe CF trataba de entrar a través de envíos longos sobre Pacheco e Stefan, aínda que sen conexión áxil cos seus homes de medio campo. Sería o ex xogador do D.Arabés o que avisaría primeiro con dous disparos, axustados á meta de José Juan, aínda que sen efecto final sobre o electrónico.

Co paso dos minutos o CD Lugo mostrabase máis seguro da súa posición e con mellores credenciais nun choque invadido pola choiva mentras que o Xetafe CF afanábase en buscar o roubo nas saídas de Lacen. Iriome e Campillo, probaban sorte nas ocasións máis claras do CD Lugo, e Faurlin, pola súa banda, testaba os reflexos dun José Juan, como sempre, salvador nas súas accións.

Co protagonismo claro para os albivermellos, concluía a primeira metade con empate, a pesar dos esforzos e méritos do equipo de Luís César por lograr o primeiro da tarde.

A segunda metade entregaba o bastón de mando ao CD Lugo, que repetía ocasións manifestas de gol aproximando a súa vantaxe. Pedraza remataba desviado desde o corazón da área, e Pita estrelaba o seu disparo en Alberto nas dúas ocasións máis claras ata ese momento. Luís César resolvía mover o seu banco, e daba entrada a Caballero en lugar de Iriome, buscando aumentar a referencia en ataque cunha peza máis en punta. A continuación, Joselu gozaba dunha nova clara ocasión, cruzando en exceso en xogada individual ante Alberto.

A pesar da gran dinámica na que se atopaban os locais, o signo do partido non terminaba de decantarse do seu lado, e ao bordo da conclusión, serían os madrileños os que conseguirían o gol da vitoria, levándose un partido no que non lograron ser mellores en ningunha das facetas. Envío longo de Damián desde o lateral dereito, e cabezazo de Stefan para conseguir o único tanto da tarde. Resultado inxusto para un CD Lugo que, non mereceu saír hoxe do Anxo Carro coa súa primeira derrota da tempada.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com