A primeira fase da campaña de colaboración cidadá Aparca con xeito!, posta en marcha polo Goberno co obxectivo de sensibilizar á cidadanía ao tempo que se vela polo cumprimento da normativa de circulación, deixa unhas 502 sancións polo aparcamento indebido no carril e paradas do bus urbano. Nesta fase os días que máis expedientes sancionadores a vehículos se formularon por parte dos axentes da Policía Local foron o 15 de febreiro, con 77, o 16, con 73, o 14, con 66, o 24, con 56, e o 20, con 54. A maioría dos expedientes responden a vehículos estacionados no distrito 1, é decir, no recinto histórico.
Aparca con xeito! contempla 5 fases, de quince días de control de estacionamento, ata o 7 de maio. Ademais do carril bus, na actualidade e ata o 12 de marzo a campaña intensifica a vixilancia e control naqueles vehículos que estean estacionados en zonas de carga e descarga, para evitar o mal uso destes espazos, pois favorecen aos traballadores que requiren desta zona de aparcadoiro, e de xeito indirecto ao comercio e á propia mobilidade.
Tras o control de carga e descarga, a terceira fase centrarase na dobre fila e desenvolverase do 13 ao 26 de marzo. A cuarta fase, do 27 de marzo ao 9 de abril, incidirá no estacionamento nas beirarrúas, co propósito de que os peóns en xeral, e especialmente as persoas con problemas de mobilidade, poidan transitar polos espazos destinados a camiñar. Por último, a quinta refírese ao estacionamento en prazas destinadas a persoas de mobilidade reducida e ao control das tarxetas que acreditan a unha persoa para estacionar nesta zona. Nesta liña incidirá a Policía Local do 24 de abril ao 7 de maio.
Así mesmo tamén haberá unha campaña de control de excrementos de animais na vía pública para concienciar e implicar á veciñanza na limpeza do municipio. Dita campaña terá lugar do 10 ao 23 de abril.