Onte por primeira vez reunímonos, grazas á iniciativa de Miguel García e logo de 34 anos, algúns alumnos e digo ben, pois non compareceu ningunha compañeira, da oitava promoción de Maxisterio, daquela denominada Escola Universitaria de Profesores de EGB, en realidade EXB, pero naquelas datas habíamos moito reintegracionista pola escola e non sei se iso tivo algo que ver coa denominación que aparece no prato de Sargadelos que fixeramos para recadar cartos para excursión de fin de carreira que nos levaría a Mallorca.
Neste primeiro encontro, que polo ben que saíu xa se convocou outro para o Nadal, hai que recuperar o tempo perdido, a e esta idade xa é das cousas que menos sobra, lembramos algunhas cousas do pasado pero, curiosamente, dedicamos pouco tempo a nostalxia e a maioría do tempo do xantar e sobremesa foi pasando en amena conversa poñéndonos ao día do que estaba a facer cada un. Supoño que tamén tivo que ver o ser poucos, supoño que a medida que o grupo se vaia ampliando, haxa máis oportunidades de contar lembranzas e anécdotas.
Pero para comezar, o ágape resultou do máis entretido e por riba cando se tocou o tema política, aínda que entre o grupo había un político en activo, a conversa circulou pola vía da concordia. E falando de política e políticos, temos que agradecerlle a Olga Louzao, a voceira de Cidadáns, que se atopaba nunha mesa a carón da nosa comendo co seu compañeiro na corporación e outras persoas, que nos fixera o retrato do grupo que acompaña esta información, malia que no grupo se atopara o seu compañeiro de corporación Santiago Fernández Rocha. Como se pode ver unha xornada de fair play.
Eloi Caldeiro.
Na foto aparecen de dereita a esquerda: Carlos López Rodríguez, Francisco López Varela, Jaime López Ortíz, Miguel García Paz, José Luís López Alonso, Santiago Fernández Rocha, José Vilabóa, o autor e Eduardo Vijande Lombardía.