A Confederación de Empresarios de Lugo ( CEL) organiza para o vindeiro mércores, día 23 de outubro, unha xornada técnica sobre Primeiros Auxilios. Financiada pola Fundación Estatal de Prevención de Riscos Laborais, terá lugar na Escola de Empresarios e Centro de Formación da CEL en horario de 9:30 a 14:00 horas e contará coas achegas de Marta Caballé Roselló, enfermeira do Traballo e Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais.
Na xornada orientarase aos alumnos en como identificar as principais urxencias que poden ocorrer nos centros de traballo, coñecer como se pode facer unha primeira valoración na gravidade, promover unha adecuada resposta de primeiros auxilios á vítima ou vítimas e, no seu caso, efectuar unha reanimación cardiopulmonar ( RCP) e organizar a evacuación e traslado a un centro sanitario.
A CEL sinala que planificación das accións para desenvolver como consecuencia dun accidente ou dunha enfermidade que ocorran durante o traballo é unha necesidade que todas as empresas deben ter en conta, “non soamente porque é unha esixencia legal, senón tamén porque destas accións pode depender en gran medida o prognóstico das lesións e, en definitiva, a vida das persoas afectadas”.
Aínda queda algunha praza para asistir a esta xornada, que pode reservarse chamando ao 982231150 ou a través da web da CEL www.cel.es .
Por outra banda, a CEL lembra que entre o 21 e o 25 de outubro celébrase a Semana Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo, á que este ano se suma cunha campaña publicitaria destinada a lembrar a importancia dunha boa xestión de prevención de riscos laborais na empresa. Baixo o lema A ecuación perfecta, prevención de riscos laborais igual a menos riscos e máis saúde, tratará de concienciar sobre a relevancia dunha boa xestión preventiva, coa que “gaña a empresa, gañas ti e gañamos todos”.