Aínda sabendo que todo o mundo está gobernado polos temas económicos, polos que manexan os temas económicos, ás veces da que pensar que o material poida con todos os demais valores.
Fíxome pensar neste desaxuste social un titular na prensa que anunciaba que a Semana Santa ía provocar en Galicia a creación de case dez mil postos de traballo, 9.995 en concreto, temporais, pero estimables postos de tráballo ao fin.
A máxima celebración relixiosa dos cristiáns, a que lembra que Cristo morreu por todos nós, por redimirnos, que ten en Galicia alomenos oito séculos de historia, vese reducida así a un elemento comercial, devaluación que non chega a mitigarse polo feito de que a creación de postos de traballo, o seu aumento, é esencial e acuciante para a nosa xente, para todos nós.
Como todo se cuantifica a posteriori e se planifica a priori, hai estudios que indican que 9.995 persoas máis van poder traballar en Galicia na próxima Semana Santa, na hostalería, nas viaxes, nos hoteis… Pero todo será en proporción co desenvolvemento existente. E deses case dez mil empregos, a provincia de Pontevedra vai levar algo máis dun corenta por cento, con 4.230 postos de traballo; Ourense e A Coruña experimentan un importante crecemento en relación co ano pasado, e Lugo baixa un pouco, pero aínda así será interesante.
O que non comprendo é a diminución, porque se a incidencia da Semana Santa Lucense debe ser estimable, temos en Viveiro unha Semana declarada de Interese turístico Internacional, que se ven celebrado desde os anos de mil trescentos, e está considerada –coa de Ferrol- as máis destacadas de Galicia.
Asombroume no seu momento que ao Belén de Begonte o declarasen de interese turístico galego, ata que caín na conta dos milleiros de persoas que o visitan, que se desprazan, fan turismo en fin, para ir a Begonte. Así hai que entender tamén que a Semana Santa de Viveiro sexa de interese turístico internacional, e que celebracións así fomenten a creación de postos de traballo, obxectivo central dos gobernos e das xentes. Xa que “primun vivere”, polo menos que ese valor económico tan estimado vaia parello a temas máis elevados aos que non queremos renunciar.