A Xunta de Galicia achegará 160.000 euros para impulsar diversas accións de promoción turística conxunta dos concellos da Mariña lucense. Este investimento articularase a través dun convenio de colaboración asinado entre Turismo de Galicia e a Mancomunidade de municipios da Mariña, que contribuirán a apoiar o xeodestino comarcal.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou esta mañá os detalles desta liña de colaboración acompañado dos alcaldes e representantes municipais.
O investimento total previsto para este ano e para o 2019 chegará aos 190.000 euros (dos que a Xunta achega o 85%) e inclúe, como principal novidade, a demanda realizada dende a administración autonómica para crear unha xerencia permanente, que se encargue da supervisión, control e promoción das accións turísticas que se promovan e do deseño de novos apoios.
Tres liñas de actuación
O convenio contempla tres liñas de actuación: a consolidación de produtos turísticos propios, a formación de axentes turísticos e a promoción e divulgación xeral do xeodestino, sen pechar as portas a novas accións que poidan sumarse con cargo aos recursos deste renovado convenio.
No marco da primeira liña, a Xunta prevé impulsar accións que están a resultar moi exitosas, como o mes da maxia e as rutas de sendeirismo polo Camiño Norte, ademais de potenciar os itinerarios artesanais da zona. A segunda liña de actuación está orientada á organización de cursos de formación específicos para o sector da hostalaría. De xeito complementario, desenvolveranse campañas de divulgación do xeodestino en redes sociais e perfeccionaranse as páxinas web de promoción turística, tanto da propia mancomunidade como apoiando aos destinos máis demandados polos visitantes.