A presenza dos nomes de muller no nomenclátor da cidade (rúas, prazas, centros sociais e culturais, auditorios) non chega a un 10%. É unha mostra máis da desigualdade estrutural entre homes e mulleres que evidencia a exclusión histórica e a invisibilización da aportación feminina en todos os ámbitos do saber. O nomenclátor do mapa urbano de Lugo é unha forma de memoria colectiva con gran significado simbólico e pedagóxico. Por iso, entendemos que reparar o desequilibrio entre a representación feminina e masculina é unha obriga social inaprazable. MARUXA VILLANUEVA A Barrela 1906 Santiago de Compostela 1998 Filla dunha mestra que foi quen a iniciou no canto. En 1926, cando tiña vinte anos, emigrou a Arxentina. En Bos Aires contacta co matrimonio composto polo pianista vasco Juan Gueresta e a cantante galega Esperanza Blanco, que despois de escoitala cantar, lle posibilitarán algúns contratos para participar en varias emisións radiais. En 1936, o seu éxito como cantante é recoñecido polos medios e por unha extensa nómina de admiradores no seo da colectividade galega. Consagrada totalmente ao canto e tamén á escrita de moitas letras dos temas musicais que interpretaba, foi considerada unha auténtica “raíña do alalá”. Maruxa colaborou moi activamente nas actividades a favor da República organizadas polo sector da colectividade emigrada que se decantara nese sentido. Neses anos coñece ao que será co tempo o seu marido, o dramaturgo estradense Daniel Varela Buxán, que daquela se iniciaba como autor teatral. Varela convidouna a cantar na estrea da súa primeira obra titulada “Se o sei… non volvo á casa” no Teatro Maravillas de Bos Aires, moi frecuentado pola colectividade galega. Era o ano de 1938 e así botaba a andar a Compañía de Teatro Aires da Terra, na que tamén participaba outro galego ilustre das artes escénicas, o ourensán Fernando Iglesias, máis coñecido como Tacholas. Varela Buxán e Maruxa forman unha compañía estable Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva. Esta compañía puxo en escena, ademais de Os Vellos non deben namorarse de Castelao (1941), a práctica totalidade da produción dramática do autor da Estrada. Algunhas destas pezas, con Maruxa como primeira actriz, chegaron a ser representadas en máis de cen ocasións en teatros de Bos Aires e Montevideo, onde precisamente Maruxa casou con Varela Buxán en 1941. Durante os longos anos que botou na Arxentina trabou amizade con Salvador de Madariaga, Eduardo Blanco Amor, Xavier Bóveda, Ramón D.Villar, Castelao, Alberto Vilanova e sobre todo, coa pianista e soprano arxentina Maruja Iniesta En 1949, regresou á terra. A súa amizade con Otero Pedrayo deulle a oportunidade de facer unha actuación musical no Círculo das Artes de Lugo con grande éxito. A esta, e sempre introducida por persoeiros importantes da cultura galega, seguiron outras en Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. En 1953, retomou tamén a actividade teatral cunha pequena compañía, “Os Labregos”, dirixida por ela, integrada por xente nova da súa parroquia natal. Aínda que as actuacións que fixeron tiñan fins filantrópicos, a censura franquista rematou coa súa acƟvidade. Anos máis tarde, en 1958, desencantada polos problemas existentes en Galicia para desenvolver o seu labor, Maruxa volve a Bos Aires, Forma parte do trío vocal “Rosalía de Castro”, xunto coas sopranos arxentinas Elsa de Zoppo, e a súa grande amiga Maruja Iniesta. En 1962 retorna definitivamente a Galicia e cando en 1971 o Dr. Agustín Sixto Seco foi elixido presidente do Padroado Rosalía de Castro propúxolle a Maruxa atender Casa Museo, onde tamén viviría a partir de 1974. Desde entón dedicou todo o seu tempo á casa e á obra de Rosalía e converteuse nunha auténtica especialista no tema. Foi obxecto, tanto en Galicia como en Bos Aires, de numerosos premios e homenaxes, entre eles a Medalla Castelao da Xunta de Galicia e, postumamente, o premio María Casares de teatro. Maruxa Villanueva, que naceu como María Isaura Vázquez Blanco, finou no Hospital de Conxo de Santiago de Compostela o 24 de novembro de 1998 aos 92 anos de idade. En definitiva, Maruxa Villanueva é unha figura feminina vinculada co teatro, coa produción teatral, coa interpretación coral e solista. Relacionada co galeguismo histórico, co mundo da emigración e do exilio. Malia todo é unha personaxe descoñecida, por iso entendemos que o seu percorrido vital ben merece ser rescatado do esquecemento pola súa relación coas artes interpretativas e musicais, coa cultura galega e coa memoria histórica. No caso da nosa cidade é tamén unha cuestión de xustiza paritaria. A pesar do ata aquí exposto, existen outras mulleres que ben poderían dar nome ó novo Auditorio, como é o caso de Maruxa Mallo, figura de proxección mundial. A súa biograİa , de sobra coñecida, abrangue moitos eidos, tamén teatrais: maqueta, figuríns, escenografía para teatro. Salientamos a ópera bufa Clavileño, de Rodolfo HalƩer, cuxa estrea quedou frustrada pola guerra civil. Novembro 2024.
Foro Feminista de Lugo