O pleno municipal aproba instar á Xunta a asumir os comedores escolares e a dotar o Plan Marco

O Pleno municipal celebrado hoxe trouxo consigo a aprobación das dúas mocións presentadas polo BNG-AA, ao respecto de instar á Xunta a facerse cargo dos comedores escolares e a incrementar a dotación destinada ao Plan Marco de camiños rurais.

O BNG-AA levou ao pleno do Concello de Lugo unha iniciativa para reclamar que a Xunta de Galicia poña os medios necesarios e asuma as competencias de xestión dos comedores de todos os centros escolares do concello. A edil nacionalista, Maite Ferreiro, pediu que se poñan en marcha os mecanismos necesarios e se estuden as posibilidades de que os 6 centros escolares que contan con cociña propia poidan abastecer de comida ao resto de comedores dos centros de ensino. A iniciativa foi aprobada a pesar dos votos en contra do Partido Popular.

Por outra banda, os nacionalistas defenderon tamén unha iniciativa para instar ao Goberno Galego a incrementar a dotación do Plan Marco de camiños rurais cos concellos e dotar dito Plan dun orzamento plurianual, que asegure investimentos de xeito sostido e progresivo en colaboración cos concellos. Rubén Arroxo informou de que “no ano 2016 o concello de Lugo recibiu 138.424 € para o arranxo de camiños municipais e recibirá 47.538,50 € nos anos 2017 e 2018” e afirmou que a Xunta castiga este ano a Lugo restándolle 90.885,50 € con respecto ao ano 2016. A iniciativa  foi aprobada cos votos de todos os grupos da corporación agás os votos en contra do partido popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com