A Xunta de Galicia segue dando pasos na candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, desta vez poñendo o foco na participación cidadá coa convocatoria dunha serie de xuntanzas coa veciñanza. Os encontros, previstos entre xullo e setembro en diversos puntos do territorio, darán así continuidade ao celebrado en Sober o pasado mes de marzo para lanzar esta estratexia que implica directamente á poboación.
O obxectivo das reunións é que os veciños e veciñas, así como os distintos motores económicos da zona, coñezan ben a situación da candidatura e poidan transmitir os seus comentarios e inquedanzas ao redor da mesma. Deste xeito, convócanse cinco encontros, tres veciñais e dous sectoriais.
A primeiro deles terá lugar o xoves 11 de xullo ás 19,00 horas en Monforte de Lemos e está dirixido ao eido vitivinícola pola súa importancia no territorio e na conservación da paisaxe natural. Neste senso, cóntase coa colaboración do Consello Regulador como elemento aglutinante de gran parte do sector, aínda que pode participar calquera persoa que así o desexe.
A segunda xuntanza, convocada para o venres 12 de xullo, será no Saviñao ás 20,00 horas, reunindo ao empresariado da área. Colabora neste caso a Asociación de Empresarios da Ribeira Sacra, podendo asistir tamén calquera persoa que non estea asociada, especialmente as que pertenzan á hostalería e establecementos turísticos.
No que respecta á veciñanza, é de interese a asistencia de responsables de asociacións e persoas que representen ás parroquias no senso de continuar aumentando a base de datos de cara á convocatoria do Consello Parroquial que se celebrará en outubro.
As datas destes encontros veciñais son o 14 de xullo ás 12,00 horas no Auditorio Municipal de Chantada; o 26 de xullo ás 20,00 horas no salón de actos do Castelo en Castro Caldelas e o 13 de setembro en Nogueira de Ramuín.
Ademais, para prestar información e poder seguir o proceso participativo, poñerase en marcha un perfil de redes sociais, concretamente en Instagram co nome @participa_ribeirasacra, que pretende ser outra vía de contacto ao servizo da veciñanza.