A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio financiará un proxecto de recuperación ambiental da Zona de Especial Conservación (ZEC) As Catedrais no tramo litoral de Rinlo, en Ribadeo, un espazo protexido pola Rede Natura 2000 cunha gran afluencia de visitantes.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta iniciativa desenvolverase a través dunha achega ao Concello de 13.617 euros, de xeito que a Administración local percibirá integramente a totalidade do importe subvencionable e asumirá unicamente o IVE.
O proxecto contempla actuacións de desmontaxe manual de acumulacións de pedras que proliferaron froito da acción humana dando lugar a elementos semellantes a “milladoiros”, figuras antropomorfas ou “batolitos”, e a redistribución das rochas apiladas para tratar de devolverlle á zona a súa configuración orixinal. Outras das accións previstas son a eliminación de lixo disperso acumulado no entorno e o arrincado manual de especies herbáceas invasoras.
A iniciativa completarase coa colocación de seis paneis divulgativos sobre os valores albergados neste enclave, que incluirán información relativa ás normas de comportamento que deben seguir os visitantes cando accedan a un espazo protexido destas características.