Os Grupos Municipais do PSdG-PSOE e BNG presentarán este xoves ao Pleno do Concello unha moción conxunta de urxencia para apoiar a creación dun fondo común de rescate á hostalería e outros sectores afectados pola pandemia e instar á Xunta a que se sume a esta iniciativa, achegando conxuntamente coas catro deputacións e os sete grandes concellos galegos o 1% do orzamento de cada administración para o 2021.
Ambas forzas políticas consideramos que esta fórmula é a máis xusta, pois aplicaríase seguindo o principio de proporcionalidade, tendo en conta os recursos económicos dos que dispón cada administración. Deste xeito, o goberno municipal respalda a proposta lanzada polas Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra, co fin de paliar a situación non só da hostalaría senón dos distintos sectores afectados.
Esta fórmula, en visión dos grupos de Goberno, é a máis xusta, pois aplicaríase seguindo o principio de proporcionalidade, tendo en conta os recursos económicos dos que dispón cada administración. Así mesmo, a suma do 1% dos orzamentos da Xunta de Galicia, as catro deputacións e os municipios permitiría a creación dun gran plan de axudas directas por importe de máis de 140 millóns de euros, un importe superior ao que propón o goberno galego. Isto, traduciríase, á súa vez, en axudas de maior contía para os hostaleiros e outros sectores afectados, coas que evitar o peche de negocios e a destrución de postos de traballo.
A creación deste fondo común de rescate constitúe unha nova ferramenta para frear o impacto económico da Covid, tendo en conta a situación actual e a entrada en vigor de novas restricións que abocan a unha situación crítica a numerosos sectores como o da hostalería, que deberá pechar as súas portas, cando menos durante tres semanas. Neste senso, o Concello de Lugo lembra que foi pioneiro na posta en marcha e tramitación de axudas directas coas que combater os efectos da pandemia.