O PSOE de Vilalba denuncia que a Xunta incumpre a Lei de Patrimonio

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Vilalba vén de denunciar que a Xunta de Galicia incumpriu a súa propia
Lei de Patrimonio ao ter colocado unha mouteira de sinalización do Camiño de Santiago sobre os restos da muralla de Vilalba, que data do século XIII e que foi catalogada como Ben de Interese Cultural. Tal e como se pode comprobar na actualidade, o fito foi colocado sobre os restos que se atopan na contorna da rúa da Ferrería, concretamente na confluenza da rúa do Sol e a da Pedra, afectando á banqueta da muralla.

Por outra banda, os socialistas denuncian “a paradoxa de que o alcalde decida a execución do desbroce das inmediacións dos restos de dita muralla sen a autorización expresa de Patrimonio, pero consinta un verdadeiro ataque a este ben cultural e patrimonial de Vilalba”, veñen de criticar desde o PSOE pola colocación da mouteira.

Nesta liña, e como xa veñen denunciando en anteriores ocasións, os socialistas consideran que se repite o que tildan de “política de menosprezo” que o goberno local “fai patente cunha escasa sensibilidade pola posta en valor do noso patrimonio”.

De cara ao próximo pleno, desde o Grupo Municipal Socialista avanzan que presentarán unha moción para que o concello adquira a titularidade dos terreos lindeiros dos 15 metros de muralla existente, e posteriormente proceda á súa musealización. Aseguran que “deste xeito terá a consideración necesaria e poranse en valor os restos patrimoniais para o gozo tanto dos vilalbeses e vilalbesas como da xente que se achegue á nosa vila”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com