O Grupo Municipal Socialista solicita do equipo de goberno de Vilalba unha maior transparencia e xestión no que atinxe ás contratacións da área de cultura, que recentemente pasou a dirixir a edil Consuelo Grandío. Esta petición aparece como consecuencia da última actuación anunciada polo Concello, a de Café Quijano do vindeiro día 15 de decembro, contratada por un prezo de 21.780€ mediante a adxudicación á empresa Gestión Cultural Art Music Agency como contrato menor.
Desde o PSOE censuran que “nunha de tantas” o goberno local non se axusta á Lei de contratos, “que marca as cantidades inferiores a 18.000€ como contratos menores, incumprindo este parámetro tras restar o IVA ao importe total do prezo pola xestión da actuación”, sinala a concelleira socialista Marta Rouco. Mais non consideran este incumprimento o máis grave do asunto, senón que advirten de que “novamente a páxina de Art Music publicitou a actuación antes de que se lle adxudicase o contrato”, subliña Rouco.
“Pedimos unha boa xestión cultural, dinámica e de calidade para a nosa veciñanza, pero non podemos pasar por alto todas en cantas faltas incorra o goberno do Partido Popular, nomeadamente na contratación de eventos musicais que incumpren o proceder adecuado das entidades locais”.
As e os concelleiros socialistas no consistorio vilalbés piden explicacións ao equipo de Baamonde “por actuar desta maneira en repetidas ocasións, pois xa criticamos no seu día o anuncio das actuacións do FIV antes de facer oficiais as adxudicacións”, lembran desde o Grupo Socialista, indicando que “xa como colofón, voltamos ter diante de nós outra xogada que nos obriga a preguntar que tipo de relación mantén o Concello con esta empresa para que a mesma publicite os eventos nas redes sociais antes de que exista a adxudicación pertinente”, conclúen.