O Partido Socialista de Lugo e máis o BNG trasladarán ao vindeiro pleno municipal a iniciativa que se lles formulou dende a asociación Lugo Monumental, para aclarar o futuro dalgúns dos praceiros de Lugo.
A Asociación, que ten socios afectados por esta cuestión, propón que se convoque de inmediato o concurso para os postos fixos polo prazo máximo de 25 anos, que establece a ordenanza municipal.
Afirman que o lóxico é incluír no devandito concurso vantaxes para os que colaboraron co seu esforzo e os seus investimentos a que a Praza se revitalice, valorando a antigüidade no posto, o investimento realizado, o coñecemento do público e a experiencia na zona.
A asociación espera que o acordo dos tres grupos políticos, e mesmo o pronunciamento público dos partidos aspirantes a entrar na Corporación Municipal, sirva para aclarar o futuro destas persoas, que dedicaron importantes recursos persoais e materiais a revitalizar a praza.
En moitos casos, os praceiros contan cun período de amortización de catro anos que non cobre o investimento realizado, polo que precisan tomar decisións, ou prever un traslado a outro local, mesmo fóra da praza.