PSOE e Nós reclaman máis benestar para a cidadanía a tres días das eleccións

Os partidos políticos continúan cunha actividade frenética a só tres días dos comicios. O PSOE quixo manter un encontro con representantes de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) na provincia, ao que asistiron a candidata socialista ao Congreso, Margarita Pérez Herráiz, e o candidato ao Senado, Ricardo Varela. Segundo aseguran dende o PSOE, os representantes de COGAMI “amosaron a súa preocupación tras catro anos de Goberno popular no  que se recortaron 2.000 millóns de euros ao Sistema de Atención á dependencia, o que repercutiu en que o 80% de persoas con discapacidade pero sen grao de dependencia quedasen sen ningunha das axudas que recibían a través destes fondos”.

Desta maneira, os candidatos trasladáronlle á organización que o PSOE inclúe no seu programa electoral a creación dunha Lei de Servizos Sociais coa que garantir as prestacións a persoas en risco de exclusión, como son as persoas con discapacidade e os dependentes, entre outros.

Pola súa banda Nós-Candidatura Galega fixo hoxe unha reivindicación sobre as dificultades que atravesan moitos cidadáns ao non dispoñer de recursos para facer fronte aos gastos enerxéticos dos seus fogares. “180.000 persoas non poden pagar en Galiza o recibo da luz” dixo Olalla Rodil, a candidata da formación ao Congreso por Lugo “e isto supón levar á xente a vivir na escuridade e pasar frío mentres as eléctricas se enriquecen á costa dos nosos recursos”. 

Así, Rodil explicou que Nós-Candidatura Galega “aposta por unha tarifa eléctrica galega que suporía unha redución do 30% na factura eléctrica para garantir que todo o mundo poida afrontar o seu pago”. A cabeza de lista lembrou que “tamén para as empresas, autónomos e gandeiros o consumo enerxético é unha importante carga que incrementa os seus problemas de viabilidade”.

A candidata ao congreso explicou que dende o ano 2007 a incidencia da pobreza enerxética no estado español triplicouse por unhas políticas do PP “dirixidas a beneficiar os grandes grupos empresariais e exprimir as persoas que viven do seu salario. Rodil explicou tamén que “somos un país que exporta enerxía pero os beneficios vanse a outras partes do estado e as empresas tributan en Madrid” e engadiu que “o feito de que o noso territorio sexa un dos que máis enerxía produce debería ter un retorno para a poboación”. Olalla Rodil lembrou que “en Euskadi xa se benefician dunha tarifa propia que amortiguou os efectos do encarecemento da electricidade nestes últimos anos”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com