Psoe e PP acúsanse mutuamente de ir contra os intereses dos veciños de Lugo

O grupo municipal do PSdeG denunciou este xoves que o Partido Popular “carga de novo contra os lucenses” ao pedir que lle quiten á cidade 4,1 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta. Iso foi o que fixeron os populares, “co consentimento dos seus concelleiros en Lugo”, ao rexistrar unha emenda ás contas autonómicas que implica eliminar unha partida de 4.107.875 euros, consignada para as obras do auditorio, e aplicala ao financiamento do plan Urbe.

Os socialistas pregúntanse “unha vez máis, ¿onde está Castiñeira? ¿Defende os intereses dos veciños ou os dos seus xefes de Santiago? ¿Que lle fixemos os lucenses ao Partido Popular e á Xunta para que nos discriminen desta forma? Que no lo expliquen dunha vez”. O PSdeG recomenda a Castiñeira que “deixe o partidismo e mire máis polos veciños. O seu partido non llo compensa politicamente e segue estando no mesmo lugar que dende hai 16 anos: na oposición”.

Os socialistas esixen así mesmo ao Partido Popular que “rectifique de inmediato” e que a Xunta dedique a devantida partida a Lugo para cumprir “algún dos numerosos compromisos que ten pendentes coa nosa cidade dende que Feijóo entrou no Goberno”.

Se os socialistas facían estas acusacións contra o Partido Popular, estes retrucaron con outra batería de acusacións ao Goberno Municipal a conta das taxas que pretenden aprobar os socialistas no próximo pleno. Así o voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou que “a proposta fiscal do goberno socialista é covarde, inxusta e improvisada”, de xeito que “este documento fai xogo cun goberno municipal que descoñece claramente a realidade de Lugo e dá a impresión de que está pensado exclusivamente para recadar, con independencia da situación de cada veciño ou de cada barrio”.

Nesa liña, o popular asegurou que “as ordenanzas fiscais que o PSOE levará ao pleno atentan contra a progresividade e a xustiza ao incluír subas en liña e indiscriminadas, como a do IBI”, xa que “están nas antípodas de Lugo e da realidade social actual dos lugueses”, polo que o Grupo Municipal do Partido Popular presentará unha batería de emendas a trece das modificacións propostas polo goberno local.

Castiñeira detallou que “un dos cambios que é necesario acometer con carácter de urxencia é a relación de rúas adscritas a cada unha das categorías fiscais”, posto que o “que se adxunta non está adaptado á realidade actual, senón que está totalmente desfasado, o que supón importes desorbitados e inxustos para algunhas rúas na taxa de ocupación de vía pública, tanto para obras como para terrazas”, incidiu.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com