O Secretario de Política Municipal e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, denunciou este martes “a situación de bloqueo a que ten sometido o PP á residencia da Fonsagrada”, unha instalación moi demandada pola veciñanza, que está á espera de que a Xunta de Galicia conceda o Permiso de Inicio de Actividade (PIA) para poder abrir as súas portas, logo de que a Deputación asinara o contrato de prestacións de limpeza, cociña e asistencia básica, dotado de 1,8 millóns ata xuño de 2022.
O Alcalde Socialista engadiu que “antes de pedir o respaldo dos veciños, o candidato do PP na Fonsagrada o que ten que conseguir é que o seu partido desbloquee a apertura da residencia, logo de que a Xustiza rexeitase a solicitude dos deputados do Partido Popular e non adscrito de paralizar a posta en funcionamento destas instalacións. Xa é hora de que deixen de poñer trabas e pensen no interese xeral dos veciños e veciñas, deixando a un lado os seus propios intereses persoais e electoralistas”.
Fernández Queipo subliñou que “a día de hoxe, xa recibimos 25 solicitudes de maiores do concello para formalizar a súa petición de acceso. Como lles vai a explicar o candidato do PP a estes veciños e as súas familias que se aínda non poden desfrutar desta prestación é por mor da desidia dos seus compañeiros de partido no Goberno Autonómico, que levan demorando un permiso durante meses e incluso anos?”
A Deputación solicitou o PIA á Xunta en setembro de 2015. Dende entón, a administración galega foino demorando, requirindo ao organismo provincial máis e máis documentación. O pasado 18 de marzo, a Deputación remitiu á Xunta a última información solicitada. De momento, non hai resposta algunha por parte da administración autonómica.
O centro de maiores da Fonsagrada conta con 28 prazas de residencia. Deputación e Concello estableceron prioridade de acceso ás mesmas para os veciños do concello en primeiro lugar, os da Comarca da Montaña seguidamente e logo lucenses en xeral. O prezo da praza calcúlase en base á capacidade económica de cada usuario. Se non teñen recursos suficientes, a Deputación financialles a praza, garantido a todos os veciños o acceso universal ás mesmas.