O PSOE únese á manifestación en contra da reforma sanitaria da Xunta

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, a Coordinadora coa Comarca da Mariña, Rocío López García, Alcaldes, voceiros e militantes socialistas da Costa participaron hoxe na manifestación convocada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña para defender o mantemento desta área sanitaria e a dotación dos recursos necesarios para unha atención pública de calidade aos 70.000 mariñáns cuxo hospital de referencia é o de Burela.

Segundo afirmou Santos Ramos, fixérono ante o “empeño do PP de continuar coa súa reforma da Lei de Saúde, desbotando as máis de 1.600 alegacións presentadas polos cidadáns, colexios profesionais ou destacados colectivos, ademais das emendas dos partidos políticos con representación no Parlamento galego que, no caso do PSOE, ascenderon as 34, coas que solicitamos un novo proxecto froito do consenso coa maioría social no que se manteñan as áreas sanitarias e se garantan os servizos necesarios”.

O secretario provincial socialista asegurou ademais que “o PP non escoita aos veciños”o que acaba por “desprestixiar ás institucións” e obrígaas a saír ás rúas, afirmou Santos Ramos, para “defender o noso dereito a unha atención sanitaria de calidade”. Para o socialista, os populares non se quedan só en “desprestixiar ás institucións” dende a Xunta senón tamén dende todas as institucións nas que teñen representación, como os alcaldes do PP na Mariña que, lonxe de acudir ás manifestacións da veciñanza, “apoian o proxecto dos seus compañeiros en Santiago, sabendo que prexudica gravemente a asistencia sanitaria pública dos seus veciños, antepoñendo os seus intereses partidistas aos dos cidadáns que teñen a obriga de defender e representar”.

Santos Ramos subliñou que “con esta reforma, o PP impón a supresión das 3 áreas sanitarias na nosa provincia, valentía que non demostra ter co resto de provincias galegas, só coa de Lugo, mostrando un absoluto desprezo cara a todos os lucenses. De seguir adiante o proxecto do PP, as decisións sobre a saúde dos mariñás non se adoptarán no hospital da Costa, que perderá toda a súa autonomía, senón no mellor dos casos en Lugo ou nun despacho en Santiago”.

“O PP non contempla máis servizos, senón consolidar a súa liña de recortes e precarizar aínda máis a nosa sanidade pública, favorecendo a privada. Xa conseguiu que no Hospital da Costa non haxa oncólogos propios ou que só exista 1 médico de rehabilitación, 1 reumatólogo, 1 enfermeira para o coidado de máis de 30 pacientes ou 3 celadores durante a noite para atender urxencias, quirófanos, UCI, partos… A precariedade da sanidade pública que acadou o Partido Popular é máis que evidente e así se reflexa no número de reclamación feitas polos cidadáns, que no Hospital da Costa, e en tan só 2 meses, xa son 300”.

Santos Ramos denunciou que “a única proposta que fixo o PP para mellorar o Hospital da Costa foi cambiarlle o nome. Presumen dunhas obras de ampliación, que xa prometeron no 2009, e que non van supor máis servizos, senón simplemente máis espazo e, por suposto, un aparcamento de pago, como nos teñen acostumados, pois
xa o fixeron no HULA. Con estas obras non teremos máis quirófanos, nin máis plantas de hospitalización, nin máis especialidades, como tampouco se vai a ampliar a UCI”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com