O PSOE Vilalba pregunta por unha cruz de cantería na rúa dos Pepes

O Grupo Socialista de Vilalba  levará ao vindeiro pleno unha pregunta para inquirir sobre a desaparición dunha cruz de cantería sita na rúa dos Pepes e pedir as oportunas explicacións sobre o seu posible traslado voluntario ou, no seu caso, o seu roubo.

Cunha antigüidade que se remonta a finais do século XIX, está considerada como Ben Cultural, e malia non estar catalogada e a súa propiedade ser privada, conforma un elemento patrimonial público. “Preguntaremos sobre a súa desaparición porque como grupo municipal non temos noticias, e deberiamos ser coñecedores do sucedido coa cruz, porque aínda que os donos teñen a propiedade, non ostentan o dominio deste ben, que debe ser valorado e coidado por todos”, subliñou a voceira do PSOE, Elba Veleiro.

Segundo veñen de afirmar os socialistas, a cruz atopábase na fachada dunha vivenda deshabitada, e tras a súa desaparición preséntanse varias posibilidades que en ningún caso foron explicadas polo goberno local aos grupos da oposición. “Non sabemos se houbo un cambio de lugar consciente, para o cal faría falta o permiso previo de Patrimonio, ou se se produciu un roubo deste ben, coa correspondente denuncia”, explican.

Finalmente, desde o grupo socialista solicitarán un informe técnico sobre as consecuencias urbanísticas froito de calquera das posibilidades que veñen de dilucidar, pois as posibles pretensións de realizar obras na contorna subsúmense ás consideracións da influenza deste ben patrimonial.

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com