A Xunta de Galicia publica hoxe na plataforma Contratos Públicos de Galicia e no suplemento do Diario Oficial da Unión Europea o anuncio de información previa á licitación da obra de construción do centro integral de saúde do barrio da Residencia. A obra conta cun orzamento de preto de 11 millóns de euros e ten un prazo de execución de 24 meses. O portal de contratación do Goberno galego ofrece acceso libre, directo, completo e gratuíto aos pregos administrativos e técnicos desta obra para que os interesados poidan ir traballando sobre as súas ofertas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explica que este novo paso ten por obxecto reducir os prazos de recepción das ofertas, adiantando aos posibles licitadores toda a documentación e datos de interese sobre o procedemento.
Trátase dunha intervención importante, xa que ademais de implicar a reforma integral do antigo hospital Materno-Infatil permitirá empregar estas instalacións para posta en marcha dos novos servizos sanitarios previstos: centro de saúde, PAC-Urxencias, unidade de saúde mental, base do 061, ademais da urbanización exterior e demolición de varios edificios anexos.
Cómpre lembrar que a Xunta tamén traballa nos outros proxectos que se pretenden impulsar neste barrio lucense pois, ademais do futuro centro integral de saúde, o barrio acollerá a futura oficina de emprego e formación, a residencia para persoas maiores, un centro de emprendemento aeronáutico e un servizo común de climatización por biomasa, aos que se sumaría a futura comisaría de manterse o compromiso que ao respecto tiña asumido o anterior Goberno central.