Levo unha pulseira de fíos coas cores da bandeira galega, coma calquera mozo, porque mozas e netas son as que a fixeron e entenderon que aínda estou en idade de presumir, e eso fago. Pero este sábado, en Ferrol, colocáronme outra pulseira, tamén artesanal, de cor rosa, e xa que tanto se usan as cores para identificar causas que defender, preguntei se o que alí nos xuntaba se identificaba con aquela cor.
A resposta foi que non hai cor determinada para aquela causa, que o rosa me tocara en sorte, e que todas as cores valen para simbolizar o traballo de quen confeccionara aquelas pulseiras, que viñan asinadas por “Mar aberto”, do módulo 7, do Centro Penitenciario de Teixeiro. Celebrábase a primeira Xornada-Convivencia de Pastoral Penitenciaria da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, con invitación que lembraba que no cárcere “están os pobres; os nosos pobres; os máis pobres”.
E falei con cregos e seglares, mulleres e homes, entregados e entusiastas (había máis mulleres ca homes, como en case todo)… E con dous presos: Un, xa liberado, e outro con permiso de seis días. E faleilles do meu “desacougo” ao enfrontarme a ese mundo descoñecido do cárcere, que por arrepiante nos fai mirar para outro lado, e que miña amiga Nieves – Delegada de Pastoral Penitenciaria – considera un gran contedor de lixo humano, produto que para a sociedade é de “usar e tirar”, e que algún dos intervintes comparou con Sogama.
Sigo coa miña pulseira da bandeira galega. Pero conservo a do módulo 7 do cárcere de Teixeiro para recordarme que, como dixo Paul Eluard, “hai outros mundos, pero están neste”, e que calquera de nós ou dos nosos pode ter que emigrar a eles.