A Plataforma Queremos Galego e a Mesa pola Normalización Lingüística, así como medio cento de cidadáns e representantes políticos asistiron hoxe á concentración convocada pola Plataforma contra a resolución do Tribunal Supremo (TS) que anula varios artigos da ordenanza do Uso do Galego no Concello de Lugo. Na sentenza, o Supremo considera que algúns artigos impoñen o uso do galego, polo que avala a decisión tomada en 2016 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que consideraba irregular proclamar que o galego é oficial nun organismo sen mencionar expresamente que o castelán, tamén o é.
A mobilización tivo por finalidade amosar a repulsa social á sentenza “ideolóxica” coa que o Tribunal Supremo rexeitou o recurso presentado polo Concello de Lugo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulaba parcialmente a ordenanza de normalización lingüística da cidade, aprobada por unanimidade polo pleno da corporación en 2012 e ratificada polo pleno tras a sentenza do TSXG.