Para un indocumentado político é difícil pasar as follas do calendario, xa que sen ter arte nin parte na marcha do mundo paréceme que canto máis camiño máis afondo no pouso das miserias de cada día.
Lembro que a haxiografía real no 1981, cando ao daquela príncipe lle morrera alguén da familia, contaba que o neno, o 23 F, exclamou: Que mes! Un mes non me chega, nin un ano, polo que vou ter que exclamar (en silencio, por se acaso), que século!. Porque desde que este malfadado vinteún empezou, fomos recibindo avisos – coma no Inferno de Dante – de esquecer toda esperanza.
Non faltou nada aciago: terremotos, volcáns, atentados, crises, guerras… de todo, para non chamarnos a engano, para non crer que este século sería mellor ca o anterior.
E por se pretendemos esquecer, a pandemia no canto de adormecernos os sentidos, pon de manifesto que o dinosaurio de Monterroso segue estando aquí, utilizando todo o seu armamento, porque despois da pandemia veu a crise económica, e sen levantar cabeza chegou unha guerra de tolos, e os paises civilizados loitan coas armas da razón que, por ser razoables, vólvense contra nós mesmos. E a loita xusta contra a guerra infame dispara prezos, e os camioneiros protestan parando o transporte, as industrias quedan sen materias primas e pechan as portas, os mercados quedan baleiros, o que ten oportunidade acumula produtos na despensa, os combustibles andan polas nubes,e o goberno pacta con Marrocos mentras Arxelia se cabrea… E se non hai gas de Rusia, necesitamos a Arxelia…
Gustaríame baixarme, aínda que non sabería a onde ir, porque noutros sitios están aínda peor. A ver se esta noite consigo durmir.