A Asociación de Químicos de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Químicos de Galicia (Colquiga), anima ao alumnado de bacharelato dos centros educativos da cidade de Lugo e a súa provincia para participar a XXXIX Olimpíada Galega de Química, que se celebrará o próximo 18 de marzo de 2022 nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. O prazo para inscribirse finaliza o vindeiro venres, día 11 de marzo de 2022.
A XXXIX Olimpíada Galega de Química, segundo destaca Juan Sanmartín, vicepresidente da asociación e coordinador da proba, súmase á celebración do centenario do nacemento da Facultade de Ciencias, posterior Química, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), creada en 1922. A proba olímpica deste ano “quere conmemorar o inicio dos estudos universitarios en química na nosa comunidade, onde se formaron referentes do ámbito académico e empresarial; formación que agora comparte con outras facultades existentes en Galicia”, asegura.
Probas de 2022
As probas en 2022 realizaranse simultaneamente en cinco cidades galegas: Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, o venres, 18 de marzo, ás 16.30 horas. A Asociación de Químicos de Galicia mantén aberta a inscrición ata o vindeiro venres 11 de marzo. O alumnado interesado poderá apuntarse vía en liña na seguinte ligazón: https://www.colquiga.org/olimpiada-galega-2022
O presidente da Asociación de Químicos de Galicia e decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, lembra que a Olimpíada Galega de Química “quere estimular entre os máis novos o interese pola química, e máis nos tempos actuais, no que esta profesión revelouse como fundamental para combater a Covid19”. “Os mozos que participan agora nestas probas serán os investigadores que achegarán solucións para afrontar os novos retos do futuro”, indica Manuel Rodríguez Méndez, quen anima a participar ao alumnado galego de bacharelato.
O máximo representante dos profesionais da química en Galicia lembra que este ano a Olimpíada Nacional de Química celebrarase en Santiago de Compostela. As probas terán lugar na sede da Facultade de Química da Universidade de Santiago, no Campus Vida, do 6 ao 8 de maio. “Será unha oportunidade para mostrar o talento científico-químico das novas xeracións de galegos”, destaca Manuel Rodríguez Méndez.