As avenidas de Ramón Ferreiro e de Rodríguez Mourelo, que pasa por diante do IES Lucus Augusti, quedan limitadas a 30 km/h dende hoxe mesmo. Así o anunciou a alcaldesa, Lara Méndez, quen amosou como o Concello xa comezou esta mesma mañá a colocar a sinalización vertical. Durante esta tarde e esta noite, segundo afirmou a rexedora de Lugo, os traballadores municipais pintarán en ambas vías tamén a sinalización horizontal.
Esta medida, solicitada por varios grupos da oposición e pola veciñanza da zona, vén da man do comezo do novo curso, e á vista dos numerosos centros de estudos que se atopan nestas dúas vías coñecidas como de confluencia de tráficos, o que quere dicir que por elas transitan dende peatóns, ata vehículos de gran tamaño, como autobuses, sen esquecer aos turismos e as bicicletas.
A Alcaldesa tamén explicou que coa implantación desta nova zona a 30 kilómetros por hora, se atende a unha demanda de colectivos educativos, “posto que estamos a falar dunha zona de centros educativos, con presenza tanto de colexios, institutos ou facultades”.
A rexedora lembrou os distintos beneficios que perseguen o goberno local con esta nova medida, e que, aínda que en primeira instancia supón unha mellora da seguridade, tamén figura o de recuperar espazos para o disfrute da veciñanza, e reducir a contaminación acústica e medio ambiental, unha premisa de sostibilidade que actúa de denominador común con outros proxectos, como por exemplo o Muramiñae, unha iniciativa que inclúe 16 quilómetros de carril bici entre a cidade e o Miño.
A idea desta medida, “como calquera outra acción política, é priorizar, e neste caso o Goberno prioriza, de novo, ao péon, á persoa, sobre o vehículo de motor”.