Raquel Arias denuncia “a cesión trampa” dos terreos do novo colexio do Sagrado Corazón, mentres o concello acusa á Xunta de deslealdade

A delegada territorial da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias, denuncia a “cesión trampa e inútil” do Concello de Lugo con respecto aos terreos do novo CEIP Sagrado Corazón, posto que non contan aínda con todos os requirimentos urbanísticos precisos para poder iniciar a obra. Deste xeito, insta ao goberno local a “abandonar a súa inacción” e poñer a disposición da Consellería de Educación os terreos do futuro colexio con todas as garantías urbanísticas necesarias.

Neste sentido, Raquel Arias lembra que o Concello leva acumulando anos de retraso administrativo que torpedean o inicio da construción deste centro educativo. Deste xeito, recorda que no ano 2013 solicitóuselle que realizaran unha modificación do Plan Parcial co fin de cualificar estes terreos e garantir así a súa edificación neles. Pero, tal e como destaca a delegada territorial, “non o fixeron e, por tanto, están impedindo que a Xunta de Galicia poida investir en educación no concello”.

Ademais, descarta que neste caso se poida aplicar a denominada Lei Citroën, posto que non existe excepcionalidade ao contar xa o concello cun PXOM en vigor. Por todo isto, invita ao goberno local a “deixar de buscar saídas trampas para tapar a súa incompetencia”, tendo en conta que, do mesmo xeito que eles non deixarían construír nun terreo que non estea adecuado urbanisticamente, tampouco a Xunta pode edificar nunhas parcelas que non contan coa cualificación urbanística precisa que garanta a súa legalidade.

O Voceiro municipal, Miguel Fernández, mostrouse sorprendido ante as declaracións realizadas pola delegada da Xunta en Lugo, sobre a cesión dos terreos para a construción do novo colexio do Sagrado Corazón.

Neste senso, Fernández lamentou que “con estas declaracións Raquel Arias mostra unha importante falta de lealdade institucional co Concello de Lugo, ademais de poñer en evidencia a nula vontade política da Xunta, que non ten ningún interese por levar a cabo este proxecto tan necesario para a cidade e moi demando polos veciños e veciñas”.

O Voceiro municipal mostrouse aínda máis estrañado, “por tratarse dunhas declaracións que, ademais, se producen o mesmo día que a Xunta de Goberno do Concello de Lugo vén de aprobar inicialmente o estudo de detalle solicitado pola Consellería de Educación, para a ordenación de volumes no CEIP das Mercedes”.

Para Miguel Fernández isto amosa como “o Goberno municipal actuou con toda a celeridade posible, ante un asunto tan relevante para a cidade, mentres que a Xunta en lugar de proceder á execución inmediata para construír o novo colexio do Sagrado Corazón, unha vez que o Concello lle cede os terreos, aposta pola vía máis dificultosa e lenta urbanisticamente, obviando as súas responsabilidades e tentando de xustificar a súa falta de vontade, botándolle a culpa a outras administracións”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com