Recibe a alta unha das afectadas polo brote de lexionela nas Gándaras

Esta mañá recibiu a alta hospitalaria unha das residentes do centro da terceira idade das Gándaras que se viu afectada pola bacteria da lexionela. Polo momento permanece ingresado o outro residente, en situación estable. Por outra banda, a Consellería de Política Social eliminou a instalación provisional que durante uns días serviu para abastecer de auga quente á residencia ao ser un circuíto independente da rede afectada.

Esta decisión adoptouse tras constatar o funcionamento do sistema de filtrado instalado onte, que garante a ausencia de patóxenos no punto de uso e que permitiu poñer en funcionamento todas as duchas da residencia.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, coordina os labores de seguimento e de control do brote así como as medidas provisionais adoptadas para manter a prestación dos servizos en boas condicións, actuacións que levan a cabo as xefaturas territoriais de Sanidade e Política Social.

Ao respecto, cabe lembrar que a Xunta reforzou o cadro de persoal da residencia para facilitar o funcionamento normal do centro e minimizar os efectos que as medidas de prevención poidan ter sobre a calidade asistencial que reciben os residentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com