Recta final ás obras de retirada do fibrocemento na rúa Armórica

A alcaldesa de Lugo, acompañada doutros membros do Goberno municipal, supervisou hoxe o remate das obras de substitución do fibrocemento que o executivo municipal puxo en marcha na rúa Armórica, cun investimento de 204.540 euros que inclúe, así mesmo, a reposición do pavimento da beirarrúa.

Esta intervención, que se enmarca no plan posto en marcha polo Goberno local para renovar a rede de distribución nas rúas con maior número de avarías, tivo por obxecto a retirada das tubaxes actuais por outras de fundición nun total de 40 acometidas no tramo comprendido entre a rúa Marina Española e a Rolda de Fingoi, que se atopaba bastante deteriorado.

A rexedora apuntou que “con esta intervención buscamos rematar coas frecuentes roturas que se rexistraban na contorna e que ocasionaban non só importantes perdas de auga senón tamén moitas molestias para a veciñanza, de maneira que, a partir de agora, o servizo queda garantido, véndose incrementada tamén a eficacia da súa prestación a través de infraestruturas máis sostibles e eficientes”.

Deste xeito e, segundo relatou o edil responsable de área, as obras implicaron a renovación da rede de abastecemento substituíndo a traída existente por canalizacións de fundición dúctil, cos seus correspondentes elementos complementarios como válvulas, bocas de rega e incendios, así como todas as acometidas domiciliarias. Proxectouse, así mesmo, a demolición e reposición do pavimento ao longo da gabia e en todo o ancho da beirarrúa naqueles puntos onde se atopaba danada.

Co obxectivo de erradicar a presenza deste material, o executivo local, leva destinado nos últimos dous anos un investimento superior a 1’7 millóns de euros para ir substituíndo, progresivamente, estas tubaxes por outras de fundición en 14 rúas da cidade así como no Grupo La Paz, dentro da que se inclúen 10 vías máis (Camelia, Acibro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote).

En concreto as zonas nas que se actuou foron as rúas Bataneira e Figueira, Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, a marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e boa parte do barrio da Cheda, que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com