Recta final para participar no concurso de deseño gráfico do cartel do San Froilán e do San Froilán Miúdo 2017, que terá lugar do 4 ao 12 de outubro. Poden concorrer cantos autores e autoras o desexen, con traballos de técnica libre, presentando cada persoa cantas obras considere oportunas, sempre orixinais.
Os deseños, que contribuirán a enxalzar Lugo e as súas festas patronais, deben conter, como aspector obrigatorios: Lugo, San Froilán 2017; 4-12 de outubro, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como a imaxe corporativa do Concello e os logotipos das redes sociais existentes desta festa: Instagram, Twitter, Facebook e Youtube.
Os traballos presentaranse na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, sita na praza Maior, 1, 27001 Lugo, ata o mércores 31 de maio, en formato dixital JPG. As obras entregaranse de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos virán nun documento aparte.
Os deseños presentados serán exhibidas nas redes sociais do San Froilán, onde se fará unha votación popular da que resultarán seleccionadas dez obras. Esta votación levarase a cabo a través do Facebook oficial do San Froilán, onde se publicarán as obras presentadas para que as e os usuarios do Facebook poidan votar polo seu preferido. As dez obras que máis votos reciban resultarán seleccionadas e o período para a votación estará aberto dende as 12:00 horas do 5 de xuño ata as 12:00 horas do 14 de xuño.
Unha vez feito o reconto de votos, farase pública a selección a través das redes sociais oficiais do San Froilán e da páxina web do Concello www.lugo.gal.
Un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros. Os restantes carteis presentados serán expostos nas redes sociais durante un mes. Unha vez finalizada a exposición, as e os autores terán un prazo de 15 días para recollelos; pasado este prazo, serán propiedade do Concello de Lugo, que decidirá o seu destino.
San Froilán Miúdo
No que se refire ao San Froilán Miúdo, as obras deben incluír o seguinte texto, Lugo e San Froilán Miúdo 2017. Os cativos e cativas que deseñen presentar a súas obras deberán entregar a súa obra tamén na área de cultura. Do mesmo xeito serán presentados de xeito anónimo, nun DIN A-4 como mínimo, e montados en cartón pluma ou soporte ríxido. O autor ou autora do deseño gañador recibirá un premio adaptado á súa idade valorado en 300 euros.