Recuperada na Fonsagrada a antesala da sauna castrexa do Castro do Castelón

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e ao Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, supervisaron esta mañá os traballos de prospección arqueolóxica que se veñen de rematar no Castro do Castelón de Castañoso, na Fonsagrada. O Goberno Provincial decidiu financiar estas actuacións con 42.000 euros para poder continuar cunhas investigacións que “abandonou” a Xunta de Galicia, suprimindo a súa achega económica.

Dez arqueólogos retomaron, co apoio dos Gobernos da Deputación e da Fonsagrada, estes traballos de investigación na contorna da construción. Durante preto de dous meses, ampliaron a escavación do Castro do Castelón de Castañoso co obxectivo de caracterizar e coñecer de que época é o xacemento, así como de investigar a sauna que o distingue, considerada unha xoia da construción castrexa, que é única na provincia de Lugo, ademais dunha das mellores conservadas de toda Galicia.

Segundo os expertos, a maiores desta sauna castrexa na Fonsagrada, na outra en Ortigueira, unha en Cabana de Bergantiños e, algúns investigadores, tamén inclúen nesta listaxe a de Augas Santas, en Allariz. Todos coinciden que a sauna do Castro do Castelón de Castañoso sobresae por conservar a metade da súa bóveda a diferenza das restantes.

Campos Conde explicou que “estes traballos serviron para saber que o Castro é do Século I despois de Cristo, en plena época romana, ten, polo tanto, máis de vinte séculos; que era unha mina aurífera do río Éo, pertencente a unha poboación indíxena. Descubriuse e recuperouse unha antesala da sauna do Castro, duns 9 metros de largo, que é unha das máis grandes documentadas en Galicia. Dispoñía de canalización hidráulica. Atópase nun envexable estado de conservación o que, sen dúbida, é moi importante para o Concello da Fonsagrada e, en xeral, para a nosa provincia, pois contamos cunha xoia castrexa punteira en Galicia, que nos permite por en valor a riqueza patrimonial, histórica e cultural coa que contamos en Lugo. A recuperación do Castro do Castelón é unha nova oportunidade económica para a nosa provincia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com