O BNG preguntará na vindeira comisión municipal se o goberno municipal fixo algún trámite para incluír ao Concello de Lugo dentro da Rede de Cidades que Camiñan, tal e como fora aprobado por unanimidade no pleno de xaneiro do 2017. Rubén Arroxo sinalou “Lugo segue a ser unha cidade cun alto número de atropelos, no ano 2017 houbo 49 e nos anos anteriores superáronse os 50, polo que segue ficando claro que cómpre tomar medidas”. Esta rede permite aos concellos que forman parte dela, compartir experiencias e solucións para construír cidades máis sostibles e mellorar a seguridade e a vida das persoas.
As cidades que fan parte desta rede apostan por unha accesibilidade universal, unha maior seguridade viaria e un compromiso co medio ambiente, baseándose na Carta Europea dos Dereitos do Peón e na Carta Internacional do Camiñar, levando adiante accións coma limitar as zonas urbanas a 30km/h e deseñando planos “Metrominuto” para fomentar os desprazamentos a pé.
Dende o BNG – AA tamén se aposta pola implantación de medidas de concienciación para incrementar os desprazamentos a pé. O edil do BNG matizou “chegamos a unha sociedade sedentaria, que intenta levar o vehículo ata as portas do lugar ao que se achega, facendo que por unha banda se dispare a nivel mundial a produción de CO2 por desprazamentos, xa que o transporte é a maior causa de produción de dióxido de carbono do planeta, e por outra levando á veciñanza a camiñar moito menos dos 10km ao día que recomenda a OMS”.