Reforzo da Policía Local para evitar a presenza de gorrillas na contorna do HULA

A Policía Local multiplicou a súa supervisión nas inmediacións do HULA para tratar de poñer cerco á práctica ilegal de aparcacoches.

Así, deste incremento dá conta o número de actas levantadas polos efectivos do Corpo que se elevan a 104 no que vai de ano, as últimas 56 interpostas só nos últimos tres meses.

Dende a Xefatura, o Intendente Jesús Piñeiro informou, así mesmo, de que, por parte da Policía Local, “estanse a empregar todos os mecanismos posibles para rematar coa presenza de gorrillas, impoñendo sancións por incumprimentos, moitos deles reiterados, ao Regulamento Xeral de Circulación, á Ordenanza Municipal de Circulación, á Lei de Seguridade Cidadá – todas elas de carácter administrativo – por transitar ou permanecer na calzada para indicar as prazas libres, causar perigo e entorpecer o tráfico, xerando molestias ás e aos condutores, pero tamén penais por desobediencia”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo quixo incidir no feito de que “non se trata dunha problemática que atinxa exclusivamente a Lugo, xa que afecta a practicamente todas as cidades do país, coa singularidade de que, no noso caso, se concentra especificamente nun único foco: o Hospital. E tampouco podemos esquecer que, detrás das causas que empurran a estas persoas a pedir diñeiro por dar indicacións sobre onde estacionar os vehículos, atópase un compoñente eminentemente social que resta efectividade a calquera actuación municipal en tanto a maioría delas son insolventes”.

Aínda así, Lara Méndez lembrou que, tras comprobar que a moitos dos infractores esta actividade ilegal lles reportaba unhas ganancias superiores ao Salario Mínimo Interprofesional, “dende a Policía Local se trasladou un informe ao órgano autonómico competente coa finalidade de determinar se, en cada caso, procedía a suspensión ou extinción destas prestacións, ben porque serían incompatibles coa práctica que desenvolven, ben porque cos ingresos que obteñen, non cumprirían cos requisitos esixidos para o seu outorgamento, tratando de empregar todas as vías posibles para disuadir desta conduta”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com