Despois de días de intenso labor en zonas afectadas pola DANA en Valencia, o destacamento de bombeiros do Concello de Lugo regresou onte ao municipio. A unidade, formada por dez efectivos, estivo centrada na apertura de vías, limpeza de garaxes e apoio á recuperación de infraestruturas clave como centros de saúde en áreas como Alfafar e Paiporta. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou que os efectivos lucenses “recibiron numerosas mostras de cariño e gratitud por parte dos veciños, que valoraron enormemente o seu apoio neste momento difícil”.
En paralelo ao desprazamento do destacamento, o Concello activou un dispositivo de recollida de doazóns, ao que a alcaldesa agradeceu “a gran resposta da cidadanía, que demostra unha vez máis o carácter solidario e xeneroso da sociedade lucense.” Nos próximos días, a axuda será enviada unha vez remate o proceso de clasificación. Ademais, o Concello de Lugo activará novos dispositivos de recollida sempre que a Federación Valenciana de Municipios lle faga chegar novas necesidades.