Góstame que o que foi Rei – os entendidos afirman que o de “emérito” non existe-, volva polo seu país sen ter que andar entre burkas por amizade que teña con monarcas aos que non se lles pode alzar a voz.
En monarquías democráticas consolidadas, o Rei Pai ou Reina Nai teñen un natural papel social que nós aínda temos que aprender. Ao noso Rei pode que os asuntos da casa lle fosen peor ca os do Estado, pero xa non é que no pecado leve a penitencia, senón que pasou de “desexado” a “apestado”, case de repente.
Para os que no 75 tivemos en Juan Carlos – fose todo real ou parte produto da propaganda -, garantía de non volver ás andadas, equilibrio entre a clase política que nacía, non é doado comprender como puido o Rei que abandeirou a conversión dunha ditadura en exemplar democracia pasar a un exilio case forzoso.
Aos da miña idade non nos gusta o que está pasando con Juan Carlos I, porque ou ben toda a historia que nos contaron foi un conto moi ben contado, ou no xuizo que se faga da súa persoa e do seu tempo, teñen que contrapesar os servizos ao país. Se cometeu infraccións ou delitos económivos, reciba económico castigo; no aspecto familiar, xa está pagando deficiencias ou excesos; pois se como Rei se excedeu ou non chegou, demándeselle… pero non é xusto que estea permanentemente ao pe dos cabalos cando os xenetes son enemigos declarados.
Coma no conto infantil, pasamos corenta anos loubando o fermoso traxe do Rei cando nalgún momento ía espido. O que haxa de problemático ou delictivo, xúlguese seriamente. Polo demais, historia, servizo, tranquilidade, progreso… polo Papel de Rei, un respecto.