A Praza da Milagrosa, acollía esta semana a xornada de clausura que puxo o broche de ouro ao programa de envellecemento activo ‘Lugo móvese cos maiores’, unha iniciativa da que se beneficiaron durante este verán máis de 2.200 maiores da cidade.
Desde o pasado mes de maio, catro días á semana, as persoas participantes tiveron a oportunidade de asistir a clases guiadas de ximnasia nas que puideron traballar todas as partes do corpo. Sesións que comezaron cun quecemento, para despois continuar a realizar exercicios de cardio adaptados ás particularidades de cada persoa.
Tras esta clausura, a alcaldesa, Lara Méndez, anunciou que ten previsto retomar esta iniciativa o vindeiro ano, poñendo así novamente ao dispor do colectivo os medios para que poidan realizar semanalmente, e guiados por profesionais, deporte e exercicio moderado, actividades que lles permitan manter unha boa forma física nesta importante etapa das súas vidas.