A Calzada da Ponte loce totalmente renovada tralos traballos de peonalización e humanización cos que o Concello mellorou o confort desta vía, potenciando o seu uso e disfrute por parte da cidadanía, ao tempo que puxo en valor o Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX.
O ámbito de actuación, de 640 metros de lonxitude, abarcou a explanada diante da Ponte Romana, a rúa Calzada da Ponte, o acceso desde o enlace da Volta da Viña coa N-VI e os ramais de San Lázaro e de acceso á N-VI, así como o viario cara o Balneario, aínda que non se chegou ata as termas posto que Patrimonio da Xunta de Galicia non o autorizou.
En todo este ámbito levouse a cabo a substitución dos pavimentos existentes por outros máis adecuados para o tráfico peonil e máis respectuosos co ámbito de protección patrimonial.
En canto a estes pavimentos, definíronse tres tipos diferentes, acordes ao ámbito de aplicación. Así, figura un composto por laxas de pedra de granito que se usou en toda a rúa. Outro a base de pedra de granito Rosa Porriño que se instalou entre a Rúa Santiago e Paso Inferior da Rolda do Carme, para definir as zonas de aparcadoiro para residentes. E un terceiro, de aglomerado asfáltico, para o ramal de incorporación desde Calzada da Ponte ao Hostal San Lázaro, no que se repuxo o firme existente, que se atopaba en mal estado.
Esta foi, pois, unha actuación na que se estudou especialmente a mellora da accesibilidade, tendo en conta as características topográficas da zona –a pendente media da Calzada da Ponte é moi elevada–, tratando de mellorar a comodidade dos usuarios e usuarias e facilitando o seu uso, coa substitución do pavimento existente, ao tempo que se dispuxo un intinerario adaptado á entrada desde a Rúa Santiago.
Ademais, reparáronse diversas escaleiras de acceso á Calzada, en especial as que conectan o lado sur da Rolda do Carme coa Calzada da Ponte; cambiáronse as varandas peonís que se atopan na parte superior da Rúa Santiago polo modelo da Rolda da Muralla –para harmonizar o conxunto– e instalouse unha escaleira peonil que conecta o barrio de San Lázaro coa Calzada da Ponte, ademais de substituír a que había na área de descanso do camiño de acceso ao Balneario que se atopaba moi deteriorada.
Levouse a cabo, así mesmo, a humanización de todo o percorrido con zonas axardinadas e mobiliario urbano respectuoso coa entorna patrimonial protexida. Na zona da Rúa Santiago, colocouse un parklet urbano, con xardineiras e bancos de granito, incluíndo respaldo e asento en madeira tratada; e instaláronse dous aparcabicis de aceiro galvanizado para 12 prazas e papeleiras.