Os bombeiros liberaron a pasada noite ao condutor dun turismo que se saíu da vía cando circulaba pola VG-2.1, de Monforte a Escairón.
Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse pasadas as nove da noite e, como consecuencia do impacto, o condutor quedou atrapado no interior do turismo. Así, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración dos bombeiros de Monforte para liberar ao ferido e facilitar a súa evacuación nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias.
Ademais, informouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao persoal da Axencia Galega de Infraestruturas, que se encargaron da limpeza dos restos provocados polo accidente e de restablecer a seguridade na zona.