Salvamento Marítimo, e o 112 Galicia, rescataron esta madrugada aos cinco tripulantes dun pesqueiro que se ía a pique a unhas 30 millas ao norte de Ribadeo.
Os tripulantes foron localizados cando empregaban a balsa salvavidas e abandonaban o barco que afundía e mesmo chegou a prender lume. Así, tras activarse a radio baliza, arredor da 1:30 da madrugada, Salvamento Marítimo solicitou a intervención do persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia para efectuar o rescate a bordo do Pesca II. Deste xeito, os cinco ocupantes do pesqueiro, de nome Roimar e con base en Burela, foron trasladados na aeronave ao Heliporto de Celeiro, onde agardaban varias ambulancias do 061-Urxencias Sanitarias co fin de ofrecer os primeiros coidados á tripulación.
Igualmente, desde Salvamento Marítimo, enviouse a Salvamar Aliot e pediuse a colaboración do equipo do Buque Sargalia co gallo de atallar as chamas que se produciron posteriormente nos restos do barco.