O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, confirmou esta mañá que o servizo de pediatría quedou onte restablecido no Concello, despois de ser posto en marcha en 2011, como lembrou o rexedor.
Fuente Parga explicou que o servizo volve ter un pediatra para atender aos nenos do municipio e avanzou que o facultativo continuará co seu traballo no Concello a vindeira semana, para así cubrir a falta da pediatra do centro que “agardamos” se incorporará a semana do 11 de febreiro.
O rexedor falou co xerente da área de Xestión Integrada da provincia, Ramón Ares, para confirmar que se cubriría esta praza, “a pesar dos poucos facultativos de pediatría que hai”. O alcalde tamén aludiu a que este asunto se abordou no pleno celebrado no Concello hai uns días. “Como a oposición no último pleno insistiu moito neste feito, aproveito para recordar que este servizo de pediatría se puxo en marcha no centro médico de Barreiros no ano 2011, gobernando xa o Partido Popular na Xunta“, lembraba o alcalde quen asegurou que dende o equipo de goberno “temos craro” que queren “protexer, coidar e dar” todos os servizos aos nenos do Concello.
“E quero recordarlle á oposición, como xa o fixen no pleno, que evidentemente se agora se estaba debatendo se se cubría ou non o servizo era porque se puxo gobernando o Partido Popular na Xunta atendendo á solicitude deste equipo de goberno”, advertiu Fuente Parga.