Este mércores presentouse no Mercado Municipal as tapas inspiradas na XVI Mostra de Teatro Clásico, que organiza o Concello de Lugo. Durante o acto de presentación, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que estivo acompañada de representantes de diferentes restaurantes da cidade, fixo fincapé no dobre sentido da mostra de teatro, “por un lado cultural e por outro gastronómico e turístico. Mesturamos a cultura coa gastronomía, dous dos nosos grandes patrimonios, co claro obxetivo de darlle un impulso ao turismo da cidade”, subliñou.
Os establecementos participantes son Arrocería os Cachivaches, Canela Bakery Coffee, Mesón de Alberto, Restaurante Antas de Ullas, Restaurante Campos, La Encina, Manuel Manuel, Paprica e Mangiarte que ofrecerán as tapas inspiradas nas representacións das 9 representacións da XVI Mostra de Teatro Clásico, El Eunuco, El Retablo de las Maravillas, La Hermosa Jarifa, Medea, Sanchica, Princesa de Barataria, Hamlet, Teresa o el sol por dentro, Quixote e Royal Flush. As tapas, que se poderán degustar entre o 11 de febreiro e o 12 de marzo por 2 euros, levan por nome Agasallo en Atenas, O ovo que non o é, Cunca de grelos con marisco, Morzoas de polo, Paté de lamprea con mazás e tostas de noz, Ser ou non ser, Os soños, soños son; Potaxe de vixilia e o Violín de teresa, respectivamente.
A XVI Mostra de Teatro Clásico terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire do 11 de febreiro ao 12 de marzo. Trátase dunha mostra que inclúe ademais dunha sección oficial de representacións, unha sección off, con actividades na rúa ou espectáculos de pequeno formato. Este último programa terá lugar dende o sábado 13 ao sábado 20 de febreiro na Mosqueira, na Praza Maior, na Praza de Santa María e no recinto histórico, ademais do auditorio.