Retirado o cartel sexista situado no polígono industrial do Ceao. Foi a propia axencia de publicidade a que decidiu retiralo despois da repercusión que tivo a denuncia que hai uns días realizaba Lugonovo nos medios de comunicación.
Desde esta formación, a concelleira Cristina Pérez Herraiz amosou a súa satisfacción pola retirada do cartel. Con todo, lamenta que a decisión partise da propia axencia e non do concello e puntualiza que ten que ser o Goberno local quen se ocupe de “regular e prohibir” a publicidade con mensaxes machistas.
Tamén BNG de Lugo agradeceu a retirada do anuncio, pero lembra que aínda hai moutros outros pola cidade que “utilizan á muller como mercadoría”. A este respecto, a concelleira do bloque Maite Ferreiro lembroulle á alcaldesa de Lugo que o pleno e o foro de igualdade xa acordaron elaborar unha ordenanza sobre a publicidade para evitar este tipo de situacións que non se está cumprindo.