A reunión foi convocada pola subdelegada Isabel Rodríguez, para coordinar a actuación das forzas e corpos de seguridade do Estado na provincia, tendo en conta as novidades introducidas e tratando de velar polo cumprimento do establecido pola Xunta no territorio da provincia de Lugo.
No transcurso da mesma, á que asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, e o comisario xefe provincial da Policía Nacional, José María Esteban Corral, analizáronse as novas directrices aprobadas pola Xunta de Galicia sobre a xestión e control da COVID-19.
Tendo en conta a previsión de numerosas reunións familiares e festivas durante esta fin de semana, ademais de insistir en medidas como a obrigatoriedade do uso da máscara, tamén se tratou sobre a organización, por parte da Garda Civil, da posta en marcha de operativos para o control do tráfico e de alcoholemia xa que se prevé a posibilidade de que se produzan desprazamentos por estrada para gozar de actividades de ocio nocturno.
Ademais, na xuntanza abordouse a necesitade de extremar todas as medidas relativas ao cumprimento da distancia social, así como as recomendacións en materia de protección sanitaria. Neste sentido, considerouse necesario facer unha apelación á cidadanía para manter a necesaria e imprescindible responsabilidade individual para seguir avanzando na loita contra a COVID-19.
A subdelegada do Goberno destacou que “temos que ser quen de cumprir as normativas e recomendacións sanitarias para non ter que retroceder polo feito de querer ir moi as présas”. Así, explicou que aínda queda moito por facer e lembrou que é imprescindible non baixar a garda porque a batalla contra o coronavirus non acabou.