O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, recibiu esta mañá ao novo presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo, Mauricio Repetto, co que abordou distintos temas de interese para os mozos empresarios.
O novo responsable de AJE veu acompañado do seu antecesor no cargo, Jose Manuel López Labrada, e xuntos presentaron ao delegado territorial as novas iniciativas da asociación para avanzar de cara á mellora da situación das empresas lucenses. Trasladaron tamén as súas principais demandas, en especial no que se refire á actividade relacionada coa Xunta de Galicia.
O representante territorial do Executivo galego considerou fundamental simplificar os trámites que os emprendedores deben realizar ante as administracións e responder aínda con maior eficacia ás necesidades e propostas dos empresarios. Neste contexto, destacou a nova Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia, que elimina con carácter xeral as licencias municipais de obra e actividade e a oficina Boing Business, que colabora na superación dos obstáculos cos que se atopan as persoas que queren crear ou desenvolver o seu proxecto empresarial.
O delegado territorial comprometeuse tamén a continuar e intensificar a presenza da asociación como interlocutora social. “Son mozos emprendedores, con moitas ideas e moito que aportar a sociedade”. Balseiro referiuse á importancia de que as administracións públicas e asociacións traballen de xeito coordinado, “as primeiras creando as condicións axeitadas e os segundos desenvolvendo as súas ideas, xa que desta simbiose debe resultar o progreso económico e social que todos perseguimos”.