Reunión do Concello de Lugo e a Subdelegación do Goberno para analizar os casos “okupas”  

Na reunión mantida hoxe na Subdelegación do Goberno entre a titular da mesma, Isabel Rodríguez e  a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto cos máximos responsables da policía e da policía local,  abordouse o fenómeno de ocupación na cidade para analizar a situación actual que, “segundo se puxo de manifesto na reunión, ofrece uns datos que non se corresponden coa alarma social que se está a xerar entre a veciñanza”.

Nestes momentos, segundo as cifras que manexa a policía, “son seis as vivendas que están ocupadas no municipio”, pero en todos os casos tratase de “inmobles totalmente abandonados, é dicir, non son primeiras ou segundas vivendas, nin pisos turísticos nin de aluguer, como está a suceder noutras cidades”. En canto aos perfís das persoas que ocuparon as instalacións, “son cidadáns en risco de exclusión social”.

Ao longo deste ano se deron máis casos en Lugo, pero xa foron desaloxadas de maneira voluntaria ou trala intervención das forzas de seguridade. Neste punto, se advertiu da importancia da implicación cidadá, alertando destas situacións para que se poida actuar canto antes, porque en moitas das vivendas afectadas non se presentou nin denuncia.

Tanto a rexedora como a subdelegada de Goberno quixeron mandar “unha mensaxe de tranquilidade á poboación sobre un fenómeno que non é novo e que afecta a todos os concellos, pero que en Lugo non alcanza as dimensión doutras cidades, polo que debemos ser moi cautos e non atemorizara á poboación con datos falsos ou con informacións pouco contrastadas, que crean unha preocupación sen fundamento e que dana a imaxe de Lugo”.

A subdelegada incidiu en que o Goberno xa está actuando con novas instrucións para axilizar a expulsión exprés da ocupación en función de se “é allanamento de morada ou usurpación pacífica de inmobles”.

 Altercados

Na mesa de traballo tamén se abordaron os altercados na cidade, que “non se incrementaron respecto a outros anos, aínda que a poboación os visualiza máis porque se producen a horas máis temperás. Os datos do 2019 amosan que Lugo segue a ser a capital máis segura de Galicia e unha das máis seguras de España, segundo comentou Isabel Rodríguez”.

 

 

 

  

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com